Proxecto Buserana. O patrimonio cultural inmaterial de Muxía

O Concello de Muxía está a levar adiante o proxecto Buserana para a salvagarda e a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Muxía. Desde hai máis de dous anos están a recoller material que aporta a veciñanza. Os obxectivos son: “definirnos como comunidade, definir a nosa cultura a través daqueles trazos que nos fan ser quen somos . Para iso utilizaremos a memoria colectiva e as lembranzas e coñecementos de cada un”; e “dinamizar á veciñanza , facer participar a todos os veciños e veciñas porque este é un proxecto que é de todos/as e que imos facer entre todos/as”.

No sitio web do proxecto pódese atopar materiais sobre a gastronomía, a lingua, a relixión, a literatura, a toponimia, fotografías, lendas, etc. Paga a pena unha visita a este web, onde entre outras cousas hai unha listaxe das gamelas de Muxía, un apartado sobre o secado de congro, ou unhas galerías fotográficas moi interesantes, con imaxes como a de arriba, cedida ao proxecto por Felipe Sar Marcote.