Vaise presentar o Proxecto Socheo mañá ás 18:00 horas no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña. O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.
A súa canle en Youtube xa tivo máis de 15000 visitas, e non é para menos, nela hai verdadeiros tesouros como a gravación que podedes ver abaixo, feita por rapaces e profesores do CP A Sangriña da Guarda en 1993, e que recolle o oficio de Ramón Maya, o último cordeleiro da Guarda, unha gravación de pesca con aparellos desde unha gamela nos 80 ou a videobitácora do Tania María, un palangreiro que pescaba peixe espada nas Azores, e que mostra a vida a bordo do barco desde a partida para unha marea ata o regreso a Vigo.
Unha excelente e meritoria iniciativa que como outras similares nace de, por e para os veciños da zona na que traballa, pero co obxectivo tamén de abrirse ao mundo.
(Vía Infogauda)
2 cometarios sobre “Proxecto Socheo. Patrimonio audiovisual da Guarda e o Baixo Miño”
Comments are closed.
Graciñas mil pola referencia… estamos todos no mesmo barco!
A vos polo voso traballo!