Reunión do comité organizador do XV encontro. A Guarda 3/11

O pasado sábado día 3 reuniuse na Guarda o comité organizador do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, A Guarda 2019. Á reunión asistiron representantes de numerosas entidades que compoñen o comité, os responsables das distintas comisións e os membros da permanente: Culturmar, Asociación Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda.

A axenda da reunión foi ampla (abordáronse asuntos dos distintos capítulos ou comisións: loxística en terra e mar, actividades culturais, comunicación e difusión…), pero fundamentalmente deuse conta do resultado das entrevistas realizadas ata agora coas distintas institucións na procura da súa colaboración e participación, o que permite elaborar un primeiro orzamento provisional a través do seu patrocinio: Xunta de Galicia (Consellería do Mar, Portos de Galicia, Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Comercio-Artesanía de Galicia, Dirección Xeral de Turismo), Deputación de Pontevedra e o propio Concello da Guarda.

Constátaronse tamén avances nalgúns aspectos concretos referidos á acollida das tripulacións (aloxamento e manutención), informouse dos distintos contactos con entidades e institucións portuguesas na procura da súa participación no Encontro e programáronse accións inmediatas para a incorporación de voluntariado xuvenil.

Máis detidamente abordáronse distintas cuestións referidas a canto ten que ver coa concentración das embarcacións: a consecución de dotación portuaria para fondeos e amarres das embarcacións, e a organización dunha navegación en convoi cara ao Encontro das embarcacións tradicionais de toda a costa galega que se desprazarán por mar ata A Guarda; da organización do convoi encargarase un grupo de traballo específico integrado por representantes da Guarda, da directiva de Culturmar e dalgunha asociación de cada unha das rías.

 

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.