Ribadeo acollerá do 1 ao 4 de xullo de 2027 o XVIII Encontro de Embarcacións Tradicionais

Ribadeo será a sede do XVIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG), que se celebrará do 1 ao 4 de xullo de 2027. A asemblea xeral extraordinaria da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, aprobou hoxe por unanimidade o proxecto presentado pola Asociación Cultural e Deportiva Talameira para a organización do evento.

A decisión culmina o proceso iniciado o pasado mes de marzo, cando a asemblea xeral de Culturmar apoiou por unanimidade a candidatura de Ribadeo para acoller a décimo oitava edición do Encontro. Desde entón, a proposta avanzou nos trámites necesarios para a súa formalización e a entidade ribadense presentou o proxecto definitivo que permitirá desenvolver o evento na Mariña luguesa.

A organización correrá a cargo de Culturmar, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Talameira e o Concello de Ribadeo, nunha edición que levará por primeira vez o Encontro ata a costa cantábrica galega. O presidente de Talameira, Pablo Fernández, afirma que a asociación organizadora poñerá “todas as facilidades para lograr un magnífico Encontro”.

A elección de Ribadeo permitirá achegar o EETG á Mariña luguesa e ao Cantábrico, ampliando o seu percorrido por diferentes territorios costeiros de Galicia. Para Culturmar, a celebración nesta zona supón tamén unha nova oportunidade para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio marítimo, as embarcacións tradicionais e a cultura vinculada ao mar nesta parte do país. O evento servirá para poñer en valor unha das embarcacións típicas desta zona, o bote de Ribadeo.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia comezou a celebrarse en 1993 e ten carácter bienal. Ao longo das súas diferentes edicións converteuse nun dos principais puntos de encontro para as persoas e colectivos vinculados á recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego. O evento reúne unha ampla representación de embarcacións tradicionais de Galicia e doutras procedencias e complétase cun programa de actividades culturais e de lecer, conferencias, exposicións, publicacións, música e danza, artesanía e outras propostas relacionadas coa cultura marítima.

A última edición do Encontro celebrouse en 2025 en Ribeira. En 2027, será Ribadeo e a Mariña luguesa quen acollan durante catro días esta gran celebración da cultura marítima e fluvial.