O luns 20 de abril, ás 21:40 empeza a emisión de Salitre, a nova serie documental da Galega.
Cada semana o equipo de SALITRE viaxará a un porto distinto de Galicia para buscar e mostrar aos espectadores da TVG a vida das persoas que alí traballan: mariñeiros, estibadores, percebeiros, policías portuarios, poxadores, redeiras, bateeiros, técnicos das confrarías, vellos lobos de mar, membros de salvamento marítimo? Durante vinte e cinco minutos X. H. Rivadulla Corcón, presentador do programa, percorrerá o porto falando coa xente que nel traballa.
Nesta primeira xeira, de trece programas, SALITRE estará presente nos portos de Fisterra, Cangas, Burela, Vilagarcía, Ribeira, Sada, Ribadeo, Vigo, Celeiro, Malpica, Cambados, Cariño, O Grove. Pero o seu navegar non se deterá aquí, todos os portos galegos son importantes, os homes e mulleres de cada porto son singulares, a experiencia de cada un é única, e por iso é preciso ir a cada un dos moitos portos de Galicia, a intención é que non quede ningún porto sen que a súa xente nos narre a súa vida.
Os que non reciban o sinal da Galega poden ver o programa a través de Internet.
(Via crtvg)