A Asociación Galega Carpintería de Ribeira (Algacari) organiza o 11 de novembro en San Cirprián (Cervo-Lugo) as XII Xornadas de Construción Naval en Madeira tituladas “Un mar de madeira: Singraduras pendentes”. Estas xornadas pretenden virar o rumbo que leva a alertar sobre a decadencia da actividade da carpintaría de ribeira. Nun contexto xeral no que os oficios artesáns teñen dificultades para manterse nun mundo globalizado, a construción naval en madeira vai camiño da súa total desaparición, argumenta a asociación. De feito hai uns 30 anos había unhas 80 carpinterías de ribeira en Galicia. Hoxe só quedan 15.
A 12 edición destas xornadas contan coa colaboración de la Consellería do Mar, do Concello de Cervo, de Artesanía de Galicia e da Fundación Centro Galego de Artesanía e Deseño. O encontro celebrarase por primeira vez en San Cibrao, unha elección que é un xesto de apoio ao artesán Francisco Fra tras o incendio que o pasado 4 de xullo queimou parte do seu estaleiro tradicional, o único que queda na provincia de Lugo.
Francisco Fra abrirá as conferencias cun percorrido sobre a historia da carpintaría de ribeira na localidade sancibrense. Acto seguido, presentarase o ‘Manual de novas técnicas combinadas con carpintería de ribeira’, a cargo de Alfredo Lagos Abarzuza (Estaleiros Lagos) e José Garrido Fernández (Estaleiros Garrido).
Tamén se fará a presentación do libro ‘O saber inmaterial dos carpinteiros de ribeira’, a cargo de Gerardo Triñanes Fernández (Estaleiros Triñanes). A continuación celebrarase a presentación do Festival Marítimo de Pasaia, coa intervención de Erme Pedroso, integrante do colectivo Albaola.
Posteriormente, José Antonio Pose Rodríguez (profesor de teoría de carpintería en el CIFP Politécnico de Santiago), Luis Manuel Beceiro Rodríguez e Juan Luis Santalla Felgueiras -técnicos de carpintaría no CIFP Ferrolterra-, abordarán a temática ‘Oportunidades de Formación Profesional na superviencia da carpintería de ribeira’. Ademais, Lino Lema, xefe de servicio na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e integrante do patronato do Museo do Pobo Galego, pronunciará a charla titulada ‘Declaración dos saberes de carpintaría de ribeira como Ben de Interese Cultural: catro anos de frustración ou de esperanza?’.
A última ponencia será ‘Regulamento de buques históricos e certificado de cumprimento’, a cargo do enxeñeiro naval e capitán marítimo de Vilagarcía de Arousa, Juan Andrés Pérez Pérez, e de Gonzalo Guillén Espejo-Saavedra, enxeñeiro naval e capitán marítimo da Coruña.