Vinte dornas participan na primeira regata puntuable da Copa Mörling, en Portonovo

Pasadas as catro e media da tarde do sábado, arrancaba en Portonovo a XVII Regata do Sepelo, a primeira proba puntuable da Copa Mörling de Dornas a Vela. Aínda que a previsión inicial era que deran dúas voltas a un campo de regatas o escaso vento obrigou a acurtar o percorrido, dando por válida a clasificación ao rematar a primeira volta.

A sorpresa desta regata deuna a dorna ‘Fungona’, embarcación da asociación Dorneiros Regateiros de Cambados que logrou o primeiro posto seguida da ‘Abuelo Tucho’, do mesmo colectivo. A catro veces gañadora da Copa Mörling, a ‘Pereka’, da Asociación Cultural e Deportiva da Illa de Arousa, fíxose co terceiro posto, seguida pola tamén arousá ‘Selosa’. O quinto posto foi a ‘Miserela’, embarcación que se estrenaba como participante desta competición de dornas a vela.

A Copa Mörling continuará o vindeiro sábado 20 de xuño coa celebración da IX Regata do Salnés, en Cambados, organizada de forma conxunta pola Asociación A Torre e o Clube Mariño Salnés. O circuíto arrancará ás 16.30 horas desde o peirado de Santo Tomé. Media hora antes, reunión de patróns e patroas para recibir toda a información sobre o campo da regata e outros aspectos que poidan resultar de utilidade para as tripulacións participantes.

Culturmar organiza este campionato, xunto coas asociacións locais de cada un dos portos do circuíto. Este ano, serán un total de cinco regatas entre os mese de xuño e agosto. Despois de Portonovo e Cambados, a Copa seguirá na Illa de Arousa (Triángulo do Cantiño, 27 de xuño): o Grove (Regata dos Faros, 4 de xullo); e con remate o 22 de agosto en Combarro (Poio), na Regata da Reiboa.

A Copa Mörling é unha proba que naceu como mostra de agradecemento á labor realizada polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas. Arredor de 50 dornas e un cento de tripulantes veñen participando cada ano neste campionato, cunha media de 25 embarcacións en cada unha das regatas, o que permite manter vivos uns barcos que son auténticos museos flotantes do noso pasado e da nosa tradición.