Logo dun inverno como houbo poucos, os corpos piden sol e mar. Nos colectivos da FGCMF o traballo é intenso preparando os barcos para a tempada que empeza. Os Patexeiros en Lorbé están rematando a súa nova buceta, máis ao sur na Arousa a ACD Dorna traballa duro para ter os barcos listos para a inauguración da tempada o 17 de maio, mentras os seus veciños do Grove, os Amigos da Dorna Meca, seguen a bo ritmo os traballos de rascado e pintura e non lonxe os Amigos da Dorna de Portonovo logo de ter lista a Jatiña preparan a nova dorna que este ano se incorpora á súa flota. Xa na ría de Vigo, Sueste ademais de traballar para protexer o estaleiro que lles serve de sede, está recuperando un bote, e na outra banda da ría Mariñeiros de Bouzas xa ten algúns dos seus barcos listos para navegar.
Pero como no todo vai ser rascar e pintar, algúns xa están saíndo ao mar, como os gameleiros de Cangas (arriba na foto), Sueste, ou a ACD Dorna que prepara unha saída co Rei do mar para o venres, e por suposto Lajareu que ven de rematar a súa regata de inverno
(Imaxes: a Rabandeira no Grove, de José Manuel Triñanes; gameleiros de Cangas, de Sueste)