Marcharon as velas do porto de Carril. Xa vai alá o X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. En Carril mézclase a alegria por, a pesares dos atrancos, ter saído as cousas ben e a tristura, por saber que terá que pasar moito tempo para ver un espectáculo semellante no noso porto.
É hora de agradecer a todos o importante esforzo realizado. Son moitas persoas e entidades coas que temos unha débeda contraida. Á Federación Galega pola Cultura Marítima, con Víctor Fernández ao frente, querémoslle agradecer ter elexido Carril como lugar para celebrar este Encontro, ademais das moitas horas de traballo que nos últimos meses empregaron para salvar unha situación dificil. Aos tripulantes de todas as embarcacións chegadas ata aquí agradecémoslle a sua presencia, o seu comportamento exemplar, o seu bon facer mariñeiro e a pacencia diante dos pequenos problemas que seguro atoparon. Ao Museo do Mar, e en especial ao seu director Pablo Carrera, pola xenerosidade demostrada.
Agradecemos aos mariñeiros de Carril, coa súa Cofradía ao frente, a cesión dos puntos de amarre e o apoio loxístico prestado. Ó C.A.D. “Gato Negro” por terse convertido máis ca nunca na casa do pobo carrilexo, ás asociacións de mulleres de Carril, Trabanca e Guillán polo seu esforzo e a sua contaxiosa alegría. En débeda estaremos sempre cos autores das diferentes exposicións ( Xacobe, Manolo, Chazo, Mougán e Faiado da Memoria), cos grupos de música que animaron as rúas, cos responsables da Farsa e os Xigantes e Cabezudos, con todos os grupos que amenizaron as tardes-noites da Praza da Libertade e con todos aqueles que fixeron posible un programa variado de actividades (radioaficionados, libreiros, artesáns, guías de Cortegada,…).
Non esqueceremos nunca o comportamento de todos os carrilexos. Todos a unha fomos quen de esforzarnos por unha causa común. Aos setenta voluntarios que se encargaron da atención no mar, na carpa comedor, das carpas de información, das barras e das diferentes tarefas de atención ós visitantes poñeremolos sempre como exemplo dun bon facer.
A todo o pobo de Carril pola acollida e axuda a este evento, moitas gracias.
O mar é esforzo, traballo, as veces penurias, pero tamén solidaridade. Todos os que sentimos o mar como patria, sexan cales sexan as nosas orixes, demostramos estes días a presencia dun valor fundamental, o valor do compromiso co mar e a cultura marítima. Ese compromiso, pese a quen lle pese, é hoxe máis forte. O sabremos manter e incrementar. A todos, gracias.
Un comentario sobre “X Encontro, Carril 2011. De Rompetimóns”
Comments are closed.
Moitas gracias a vos, sabemos o dificil que foi. A xente comenta que leva un bo recordo.