XIX Xornadas de Cultura Mariñeira ‘Muros Mira ao Mar’ do 5 ao 7 de xullo

Xa están en marcha as XIX Xornadas de Cultura Mariñeira ‘Muros Mira ao Mar’, que se celebrarán do 5 ao 7 de xullo deste 2024. Nesta ocasión a temática central será “A diáspora do mar“, e versará arredor das vivencias das xentes do mar derivadas da ausencia prolongada do fogar para ou incluso da necesidade de emigrar.

As persoas interesadas en acudir deberán enviar a folla de inscrición que aparece máis abaixo antes do 25 de xuño ao enderezo electrónico mardemuros@gmail.com. Nesa folla indicarase o nome do colectivo, persoa responsábel do grupo, número de membros do colectivo que integran o grupo (incluíndo a persoa responsábel), reservas de comidas e aloxamento, móbil de contacto, barco inscrito e características principais. Enviarase ademais, xunto coa folla, unha fotografía actual do barco con boa calidade. Na mesma folla farase constar calquera circunstancia especial que afecte aos barcos ou
tripulantes, e que poida ser de interese para a mellor organización das Xornadas.

As Xornadas inclúen, ademais da xuntanza de embarcacións a flote, visitas guiadas para o
público, polo que cada barco inscrito nesta actividade deberá contar con algún membro do
colectivo titular que axude neste labor.

Nesta edición as comidas e ceas volverán ser gratuítas, desde a cea do venres día 5 ao xantar
do domingo día 7, previa reserva a través da folla de inscrición que debedes enviar para
participar co voso barco. Pregamos a máxima dilixencia e concreción nesta reserva, para evitar
variacións de última hora: non podemos estragar a comida, polo que, por favor, axustade ao
máximo. Non se poden asegurar menús especiais. As comidas e ceas serán, como en
anteriores edicións, na Praza do Mercado.

Tamén se disporá de prazas gratuítas de aloxamento, até un máximo de 30, que nesta ocasión estarán localizadas en Miraflores, fronte o Pavillón Polideportivo Municipal. Estas prazas contarán con liteiras con colchón (sen roupa de cama) e servizos, incluíndo duchas, e deberán reservarse tamén a través da mesma folla de inscrición. En caso de existir máis demanda que o máximo de prazas dispoñíbeis, adxudicaranse por orde de inscrición. Os remolques estacionaranse como é habitual na base do GES.

As embarcacións inscritas deberán estar en Muros o venres día 7 de xullo para participar no
izado de velas inaugural, que terá lugar ás 20:00 horas, e permanecer como mínimo até o domingo día
9 ao mediodía, sen prexuízo de que este calendario poida adaptarse no caso de que as
condicións meteorolóxicas así o aconsellen.

Para aqueles barcos que desexen participar na II Feira Náutica do Freixo, que se celebrará do 28 ao 30 de xuño, existe a posibilidade de amarrar o barco na Mariña Tradicional de Muros durante os días que van do remate desta Feira e o comezo de MMM24. Se algún barco precisa de enganche eléctrico, conta na MT de Muros con algunhas tomas trifásicas.