O pasado sábado 30 de abril tivo lugar nas instalacións do Centro Náutico Municipal do Freixo (Outes) unha xornada formativa para monitores e monitoras de vela e navegación tradicional, baixo o título “Patroneando no futuro”.
O obxectivo da xornada foi dotar de ferramentas para formar novas tripulacións cunha metodoloxía clara e homoxénea de transmisión de saberes, coa mirada para o futuro posta na creación de Escolas de Navegación Tradicional no seo dos colectivos que conforman Culturmar.
Ao evento asistiron máis de vinte patróns e patroas procedentes de diversos portos da costa galega, algúns deles con dilatada experiencia na formación das novas xeracións de navegantes tradicionais e outros que pensan iniciarse nesta tarefa nos próximos meses.
Durante os actos houbo tempo para examinar novos enfoques pedagóxicos, metodoloxías de planificación e retos frecuentes na docencia. Tamén houbo espazo para os e as asistentes partillar as experiencias dos seus respectivos colectivos e para sintetizar as conclusións comúns das xornadas.
A iniciativa foi promovida por Culturmar como unha aposta por refinar e optimizar a actividade das Escolas de Navegación Tradicional, que constitúen unha das nosas principais ferramentas para a ampliación da base social e para a renovación xeneracional dos colectivos federados.