Os medios de comunicación informan da reunión mantida entre representantes de Agalcari (Asociación Galega de Carpintería de Ribeira) e os conselleiros de Economía (Francisco Conde) e Mar (Rosa Quintana), na que a administración se comprometeu novamente a prestar apoio a esta actividade fundamental para a salvagarda do noso patrimonio marítimo e fluvial.
Celebramos esta mostra de boa vontade por parte das consellerías participantes no encontro e esperamos que esta dinámica de colaboración se faga extensiva tamén ao resto de áreas con competencias relevantes; como as de Cultura e Educación, que teñen na súa man cuestións como o desenvolvemento do decreto que declara este conxunto de saberes como Ben de Interese Cultural Inmaterial ou a implantación de plans de estudo regrado.
A importancia do apoio institucional no campo da cultura marítima e fluvial ten sido innegable nas últimas décadas e no futuro pode aínda fortalecerse de se poñeren en andamento outras medidas de protección que os colectivos protagonistas levan reclamando longo tempo. Desde a reducción de taxas portuarias á creación e mellora de mariñas tradicionais, ou a catalogación oficial das embarcacións existentes, son materias pendentes nas que esperamos ver materializados a curto prazo os compromisos manifestados.
Ligazóns de interese