O vindeiro domingo 3 de agosto vai ter lugar en Cangas a Xuntanza de embarcacións tradicionais “Centenario da Alianza Mariñeira 1914-2014”. Este evento enmárcase dentro da Conmemoración do centenario da fundación da “Alianza Mariñeira” de Cangas (1914-2014), da que xa temos falado, e está organizado por Mar da Pedra coa colaboración da Asociación pola Memoria Histórica “28 de agosto”, Confraría de Pescadores de Cangas, Club de Remo “Vila de Cangas”, Náutico Rodeira, e Concello de Cangas.
A Xuntanza terá lugar na Dársena do porto pesqueiro e o atraque dos barcos será na rampla de descarga, á beira da Lonxa. Os barcos que precisen atraque antes das 17:00 do día 2 ou despois das 17:00 do día 3 deberán comunicalo á organización con antelación.
O programa da Xuntanza o día 3 é o seguinte:
10:30 Reunión de patróns
11:30 Saída ao mar
12:30 Ofrenda floral no mar, en punta Balea, a altura da Praia da Congorza
14:00 Acto de Conmemoración do Centenario, Casa do Pobo e Confraría de Pescadores
15:00 Petiscos e convivio no peirao para os/as tripulantes rexistrados/as
17:00 Remate e despedida de tripulacións
Para participar é imprescindible a inscrición previa, os barcos deben ter os seus papeis e seguros en regla e deberá indicarse na inscrición o número de tripulantes que acudirán co barco.
A data límite de inscrición é o 31 de xullo ás 20:00 h. Para calquera información adicional pode contactarse co correo benignoantoniol@terra.com ou no teléfono 618003885
Aí vai a nova na prensa de hoxe sobre o tema
http://www.farodevigo.es/portada-o-morrazo/2014/08/04/navegando-coma-vellos-tempos/1069611.html