Trátase dun fito histórico de proporcións inimaxinábeis. O barco de dornas é unha clase de embarcación fluvial que desde tempos remotos abundara nos nosos ríos, pero que desaparecera completamente a mediados do século pasado, non quedando nin un único exemplar.
No pasado mes de marzo, un achádego fortuito no baixo dunha casa da Ribeira Sacra, que inmediatamente disparou as alarmas no Ecomuseo de Arxeriz, finalizou coa recuperación dun barco de dornas auténtico que hai décadas se dedicou á pesca nas augas do Sil.
Até agora só coñecíamos esta embarcación por deseños, fotografías e descricións verbais; o cal permitiu mesmo que se construísen algunhas réplicas. A descoberta dun exemplar xenuíno, datado probablemente de 1945, permitirá por fin un coñecemento preciso da súa morfoloxía e materiais.
O acontecemento traenos á memoria a descoberta do pecio da lancha xeiteira Marina en 1993, que permitiu a construcción da réplica Nova Marina, de cuxos avatares dábamos conta hai uns días.
Desde aquí queremos parabenizar ao Ecomuseo de Arxeriz, que tamén forma parte de Culturmar, e compartir con eles o agradecemento ás persoas que fixeron posible esta feliz e emocionante descoberta.
Ligazóns: